Actualidade

20 PERSOAS CON AUTISMO DA FUNDACIÓN MENELA INICIAN O CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA

 

  • Xacobeo Autismo. Un camiño de todos é unha iniciativa promovida pola Fundación Menela que se enmarca dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. O proxecto conta ademais coa colaboración do Concello de Nigrán.
  • Xacobeo Autismo. Un camiño de todos, ofrece a persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) do Centro de adultos Castro Navás – Fundación Menela a oportunidade de vivir e compartir a experiencia do Camiño, e gozar dun espazo de lecer para coñecer máis de preto a nosa cultura e patrimonio. Esta iniciativa facilita, ao mesmo tempo, a accesibilidade cognitiva dos espazos polos que transita o Camiño Portugués da Costa, e da a coñecer os servizos e programas da Fundación MENELA para as persoas con TEA e as súas familias.
  • As instalacións do Concello da Guarda e do Albergue Municipal de Peregrinos desta vila mariñeira, sinalizáronse con pictogramas, elementos que melloran a accesibilidade cognitiva e potencian a calidade do turismo accesible.
  • Nesta primeira etapa, os novos peregrinos do Camiño de Santiago estiveron acompañados por rapaces e rapazas do Centro San Xerome Emiliani e da Asociación de Saúde Mental Avelaiña da Guarda. Tamén se sumaron a esta ruta costeira os alcaldes do Concello de Nigrán e Concello da Guarda, así como diferentes membros da corporación municipal.

A Guarda, 17 de setembro de 2019.- 20 homes e mulleres con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), usuarias do Centro de Día e Residencial Castro Navás (Priegue-Nigrán) da Fundación MENELA, comezaron hoxe en A Guarda a percorrer o Camiño Portugués da Costa ata Portecelo, fin da primeira etapa. A través desta iniciativa realizarán, en sete etapas, a ruta que camiña paralela a liña costeira entre A Guarda e Nigrán.

Este proxecto, denominado Xacobeo Autismo. Un camiño de todos forma parte do Programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia e conta co apoio do Concello de Nigrán. O seu desenvolvemento ofrece as persoas con Autismo a oportunidade de vivir e compartir a experiencia do Camiño, e gozar dun espazo de lecer para coñecer máis de preto a nosa cultura e patrimonio. Ao mesmo tempo, permite introducir boas prácticas que melloran a accesibilidade cognitiva dos espazos polos que transita o Camiño Portugués da Costa, e da a coñecer os servizos e programas da Fundación MENELA para as persoas con TEA e as súas familias.

Os participantes foron recibidos, na Casa dos Alonsos, polo Alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, a concelleira de Turismo e Servizos Sociais, Beatriz Lomba e o tenente de alcalde de A Guarda, Anxo Baz. Na recepción oficial participaron tamén o director xeral da Fundación Menela, Cipriano L. Jiménez, o alcalde de Nigrán, Juan A. González, a directora do Centro Castro Navás, Pilar Pardo, así como outros membros da corporación municipal.

Os profesionais da Fundación MENELA realizaron un estudio da accesibilidade cognitiva das dependencias municipais de A Guarda e do Albergue Municipal, e procederon á sinalización correcta de ambos espazos con pictogramas co fin de mellorar a accesibilidade cognitiva e facilitar o desenvolvemento das habilidades funcionais das persoas con discapacidade intelectual, así como potenciar a calidade do turismo accesible.

Nesta primeira etapa os novos peregrinos do Camiño de Santiago estiveron acompañados por rapaces e rapazas do Centro San Xerome Emiliani e da Asociación de Saúde Mental Avelaiña de A Guarda. 

O proxecto Xacobeo Autismo. Un camiño de todos forma parte do Programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A través desta programación social e cultural, que se desenvolve por toda a xeografía galega, se realizarán máis de 350 proxectos cun investimento de 4,7 millóns de euros.

O Concello de Nigrán colabora tamén con esta iniciativa que rematará o día 11 de outubro cun acto de clausura no Auditorio Municipal, no que compartirán a experiencia de vivir o Camiño. 

 

Fundación Menela | 17 de setembro de 2019

 

Compartir Pechar
Las cookies facilitan la prestación de nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, usted acepta que utilizamos cookies.
Más información De acuerdo Rechazar