Actualidade

Proxecto de Reforzo da Empregabilidade de Persoas con TEA

Cinco mozos e mozas con Trastorno do Espectro do Autismo da Fundación Menela fórmanse como auxiliares de cociña e hostalaría grazas a 'Uno a Uno', iniciativa de mellora da empregabilidade da Fundación ONCE


▪ Cinco mozos e mozas con TEA e discapacidade intelectual asociada, dúas mulleres e tres homes de idades comprendidas entre os 20 e 29 anos, con necesidades de apoio extensas e xeneralizadas e cunha alta motivación e interese para formarse e traballar como auxiliares de cociña e hostalaría, foron beneficiarias e superaron con éxito o programa formativo.

▪ Esta iniciativa, que se desenvolve por segundo ano consecutivo, estivo subvencionada a través da convocatoria de axudas económicas a proxectos de reforzo da empregabilidade de persoas novas "Uno a Uno" da Fundación ONCE - Ano 2019, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil "Iniciativa de Emprego Xuvenil" cofinanciado polo Fondo Social Europeo 2014-2020.

Fundación Menela ven de finalizar, por segundo ano consecutivo, un programa formativo de habilidades sociolaborais para reforzar a empregabilidade de cinco persoas con TEA e discapacidade intelectual asociada no Centro de adultos Castro Navás (Priegue-Nigrán). 

Alex, Daniel, Luís, Antía e Aneta foron os cinco mozos e mozas que participaron e superaron con éxito o programa formativo, o cal impactou positivamente no desenvolvemento das competencias persoais e coñecementos para o desempeño dunha actividade profesional como é a de auxiliar de cociña e hostalaría, que goza de importantes posibilidades de creación de emprego na localidade de Nigrán.

A acción formativa, que se desenvolveu entre os meses de marzo e xuño seguiu unha metodoloxía de traballo baseada na formación personalizada e individualizada de cada participante, proporcionando os apoios precisos en función de cada perfil profesional. A formación tivo unha duración total de 260 horas, 160 teóricas e 100 no posto de traballo, nas que se traballaron habilidades para a autonomía persoal, sociais e comunicativas, a orientación vocacional e laboral, habilidades laborais e específicas como son a seguridade e hixiene na manipulación de alimentos, prevención de riscos laborais, operacións de posta a punto do servizo de comedor e elaboracións culinarias básicas, contando coa empresa Alprinsa S.A.U, responsable do catering do centro, para levar a cabo a formación no posto de traballo.

Este proxecto responde ao esforzo de Fundación Menela para incrementar os recursos destinados a facilitar ás persoas con TEA o acceso a unha educación permanente ao longo do ciclo vital e a unha variedade de experiencias formativas e laborais, que lles permitan afrontar a vida adulta con maior autonomía e independencia, contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida de acordo coa misión da fundación. Ao mesmo tempo contribúe a sensibilizar a sociedade e ao tecido empresarial sobre as súas competencias e a produtiva contribución que poden realizar nos distintos sectores de actividade, erradicando prexuízos e mitos en torno ao autismo. 

Esta iniciativa estivo subvencionada a través da convocatoria de axudas económicas a proxectos de reforzo da empregabilidade de persoas novas "Uno a Uno" da Fundación ONCE - Ano 2019, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil "Iniciativa de Emprego Xuvenil" cofinanciado polo Fondo Social Europeo 2014-2020.

 

 

26 de xuño de 2019
Fundación Menela

Compartir Pechar
Las cookies facilitan la prestación de nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, usted acepta que utilizamos cookies.
Más información De acuerdo Rechazar