Actualidade

PERSOAS CON AUTISMO DA FUNDACIÓN MENELA FAN O CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA 


Esta iniciativa da Fundación MENELA, forma parte do Programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia e conta co apoio do Concello de Nigrán. 


Nigrán, 9 de setembro de 2019.- A Fundación MENELA, a Xunta de Galicia e o Concello de Nigrán presentaron, en rolda de prensa, o Proxecto Xacobeo Autismo. Un camiño de todos, a través do cal, 20 persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), usuarias do Centro de Día e Residencial Castro Navás (Priegue-Nigrán) da Fundación MENELA, realizarán en 7 etapas un tramo do Camiño Portugués da Costa. As etapas se realizarán entre o 17 de setembro e 11 de outubro. Este proxecto forma parte do Programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia e conta co apoio do Concello de Nigrán. 

Na rolda de prensa participaron o director xeral da Fundación Menela, Cipriano L. Jiménez Casas, e a directora do Centro de Día e Residencial Castro Navás, Pilar Pardo Cambra. En representación do Concello de Nigrán, interveu Juan A. González Pérez, Alcalde de Nigrán e, en representación da Xunta de Galicia o fixo Anxo M. Lorenzo Suárez, director xeral de Políticas Culturais. 

O proxecto Xacobeo Autismo. Un camiño de todos, ademais de dar a oportunidade de achegar as persoas con TEA a nosa cultura, o noso patrimonio, a nosa gastronomía e a nosa arte, vai acompañado no seu desenvolvemento doutras accións complementarias. Nas diferentes etapas invitaremos aos centros educativos e colectivos sociais dos concellos que percorramos, para que nos acompañen no camiño. Ademais, nos concellos visitados faremos un estudo da accesibilidade cognitiva das casas consistoriais e procederemos a sinalizalas correctamente.

No final das diferentes etapas do camiño, a Fundación MENELA establecerá un punto informativo sobre o Trastorno do Espectro do Autismo e sobre os servizos e programas cos que conta a Fundación para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA, as súas familias e os profesionais que traballan con eles en diferentes ámbitos.

No acto de presentación estivemos acompañados polo equipo directivo da Fundación Menela e as concelleiras de Turismo, Xuventude e Participación Cidadá Cristina Dosil, a concelleira de Servizos Sociais, Bibiana Peixoto e a concelleira de Educación do Concello de Nigrán, Marina Vidal.

O proxecto Xacobeo Autismo. Un camiño de todos forma parte do Programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A través desta programación social e cultural, que se desenvolve por toda a xeografía galega, se realizarán máis de 350 proxecto cun investimento de 4,7 millóns de euros.

O Concello de Nigrán colabora tamén con esta iniciativa que rematará o día 11 de outubro cun acto de clausura no Auditorio Municipal.

 

Fundación Menela | 9 de setembro de 2019

 

Compartir Pechar
Las cookies facilitan la prestación de nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, usted acepta que utilizamos cookies.
Más información De acuerdo Rechazar