Actualidade

MEMORIA DO PROXECTO XACOBEO AUTISMO. UN CAMIÑO DE TODOS (2)

MEMORIA DO PROXECTO XACOBEO AUTISMO. UN CAMIÑO DE TODOS 2021

‘Xacobeo Autismo. Un camiño de todos’ é unha iniciativa da Fundación Menela que se enmarca dentro do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia para a dinamización do Xacobeo 2021. No seu desenvolvemento contou có apoio e colaboración do Concello de Nigrán. 

En 2019 iniciamos o Camiño Portugués da Costa e o fixemos desde A Guarda ata Nigrán; foi unha experiencia que nos converteu en peregrinos e peregrinas, nos reportou vivencias moi positivas, e contribuíu a facer o Camiño mais accesible. 

Durmir en albergues, coñecer pobos e vilas mariñeiras, a súa xente e o seu patrimonio. Compartir momentos con outros peregrinos vindos de países de Europa e rapaces e rapazas de colexios da nosa contorna e doutras entidades sociais, sen esquecer tamén a acollida que tivemos nos Concellos polos que pasamos. Todo elo permitiunos achegarnos e desfrutar da riqueza de Galicia e da calor da nosa xente.  

No ano 2020 tivemos que suspender a realización do proxecto polarestricións impostas pola COVID 19, pero no 2021, e coas correspondentes autorizacións de Política Social e Sanidade, retomamos o camiño con máis ilusión, implicación e responsabilidade que nunca, porque xa nos facía falta cambiar a rutina do noso día a día en Castro Navás e deixar atrás longos meses de restricións, gozando do compañeirismo que xorde dos retos compartidos. Previas Neste segundo ano de proxecto fixemos o traxecto comprendido entre Nigrán en Pontevedra. 

 

‘Xacobeo Autismo. Un camiño de todos’ desenvolveuse entre 27 de abril e o 7 de xuño de 2021sendo tres as accións principais do mesmo: ‘Facendo Camiño’, ‘Camiña Connosco’ e ‘Un Camiño de Todos’, que se resumen a continuación: 

 

  • Facendo Camiño 

‘Xacobeo Autismo. Un camiño de todos’ ofreceu a 20 persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e discapacidade intelectual asociada, usuarias do Centro de Día e Residencial Castro Navás - Fundación Menela, a oportunidade de vivir e compartir a experiencia dun tramo do Camiño Portugués da Costa, gozar da súa beleza paisaxística e dun espazo de lecer para coñecer máis de preto a cultura, arte, patrimonio e gastronomía propia de Galicia.  

7 de maio Fundación Menela, a Xunta de Galicia e o Concello de Nigrán presentaron, en rolda de prensa, o Proxecto Xacobeo Autismo. Un camiño de todosCentro Castro Navás acolleu este acto de presentación no que participaron o alcalde de Nigrán, Juan A. González, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o director xeral da Fundación Menela, Cipriano L. Jiménez, e a directora do Centro Castro Navás, Pilar Pardoos cales estiveron acompañados polo equipo directivo da Fundación Menela. 

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias valorou a proposta da Fundación Menela polo seu compromiso coa integración das persoas con autismo e a dinamización do Camiño Portugués pola Costa. Neste contexto, Fernández-Tapia subliñou o éxito do programa “O teu Xacobeo”, que tal e como expuxo “permítenos diversificar, entre moitos colectivos e a través de moitos pequenos actos, o impacto do Camiño e o valor deste Ano Santo no que nos atopamos, incorporando centos de propostas á programación do Xacobeo”. 

          

 

O itinerario desta Ruta Xacobea estivo precedido por un período de preparación física e adestramento cultural. Coñece o Camiño foi a actividade deseñada para que as persoas con TEA coñecesen a transcendencia, esencia e significado do Camiño Portugués da Costa e da Cultura Xacobea, as diferentes etapas do Camiño, e a secuencia de actividades culturais a realizar; todo elo en base ao material de apoio individualizado elaborado en secuencia de imaxes. 

 

tramo do Camiño Portugués da Costa comezou o 11 de maio en Nigráncun percorrido organizado en 6 etapas pasando por Coruxo, Vigo, Teis, Redondela, Arcade ata chegar o 26 de maio a Pontevedra. En cada unha das etapas os peregrinos visitaron as principais atraccións culturais, gastronómicas e paisaxísticas de cada zona (vila de Bouzas, praia de Samilsenda da auga, ponte medieval de Ponte Sampaio, centro histórico de Pontevedra, foron algúns dos lugares visitados), e pasaron dúas noites en albergues situados ao longo do Camiño.  


Os peregrinos e peregrinas de Castro 
Navás foron recibidos por diferentes representantes políticos e membros das corporacións municipais dos Concellos polos que transcorre o Camiño Portugués da Costa. 
11 de maio saímos de praia América acompañados polos seguintes representantes do Concello de Nigrán: concelleira de terceira de idade, María Mayán, a concelleira de Turismo, Xuventude e Participación Cidadá, Cristina Dosil, e a concelleira de Asuntos Sociais, Bibiana PeixotoNa saída desde o Concello de Vigo o 18 de maio, estivemos acompañados polo alcalde Abel CaballeroNa vila de Redondela, o 25 de maio, recibiunos na Casa do Concello a súa alcaldesaDigna Rivas, e a concelleira de Educación, Olga García. Na sexta e última etapa do camiño, recibiunos Miguel Anxo Fernándezalcalde de Pontevedra, e a concelleira Eva Villaverde 

  

  

En cada unha das recepcións nos concellos os rapaces de Castro Navás participaron activamente contando en primeira persoa como tiña sido a anterior edición e a ilusión coa que estaban vivindo esta segunda. 

 

▪ Camiña Connosco 

Este ano os Centros Educativos e os Centros de Atención a Persoas con Discapacidade non puideron acompañarnos camiñando como se fixera dous anos antes debido ás restriccións vixentes. Aínda así, un total de 7 Centros Educativos déronnos o seu apoio durante as etapas do Camiño dun xeito virtual: CEIP Humberto Juanes de Nigrán, Colexio Apóstolo Santiago de Vigo, CEE Saladino Cortizo de Vigo, IES A Guía de Teis, CEIP Reboreda de Redondela, IES Soutomaior e IES Montecelo de Pontevedra. Estes centros educativos enviáronnos forzas a través duns vídeos elaborados por eles e os seus mestres nos que nos mostraban as paraxes e lendas máis bonitas e interesantes da súa zona para poder visitar durante a nosa estadía no seu concello. Tamén nos deron bos consellos á hora de facer o camiño de Santiago e algúns ata se animaron a utilizar pictogramas.  

Esta iniciativa tamén contribuíu a  visibilizar e achegar o Autismo á sociedade. A estes centros educativos se lles enviou información sobre Fundación Menela e sobre o proxecto Xacobeo e Autismo para que nos puidesen coñecer mellor. 

 

▪ Un Camiño de Todos 

O valor do proxecto reside tamén noutra das súas accións principais, impulsar a mellora daccesibilidade cognitiva dos espazos polos que transita o Camiño Portugués da Costa. Debido á situación sanitaria excepcional que estamos vivindo, solicitamos a colaboración do Sergas para colocar Sistemas Aumentativos e Alternativos da Comunicación (Pictogramas) na sinaléctica dos centros de saúde dalgunhas das localidades polas que pasamos camiñando, a fin de mellorar a accesibilidade cognitiva das persoas con TEA en espazos sanitarios.  

 

Tras unha revisión da sinaléctica, proposta de sinalización e información sobre a importancia da accesibilidade cognitiva para as persoas con Autismo e con graves dificultades na comunicación, os centros de saúde de San Paio de Navia e Teis, situados na área sanitaria de Vigo, os albergues de A Conserveira de Redondela e Ponte Sampaio de Arcade, e hospedaría Pazo Pías en Nigránsinalizáronse con pictogramas. Os pictogramas facilitan contornas predicibles e comprensibles, potencian a calidade do turismo accesible e, en definitiva, garanten o dereito ao acceso a bens e servizos en igualdade de condicións. Nas 5 edificacións, 3 de uso público e 2 de uso privado, colocáronse un total de 215 pictogramas. Os pictogramas utilizados neste proxecto proceden de ARASAAC (http://arasaac.org) e son propiedade do Goberno de Aragón que os distribúe con licencia Creative Commons. 

    

  

  

 

Atendendo a dureza emocional que está a vivir o persoal sanitario por mor da COVID-19, este ano quixemos render homenaxe ao traballo realizado polo persoal sanitario nesta pandemia. A homenaxe ao persoal sanitario contou cun acto de agradecemento no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e o Centro de Saúde Val Miñor, centros de referencia para as persoas usuarias e residentes do Centro de Día e Residencial Castro Navás.

 

 

 

Para rematar esta memoria queremos recoller o agradecemento pola colaboración da empresa Agua Sana e do Servizo de Protección Civil que nos acompañaron ao longo do Camiño. 

 

 

 

 

Fundación Menela | 20 de agosto de 2021 

 

Compartir Pechar

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.