Actualidade

Iván Ruiz, director do documental “OTRAS VOCES” visita a Fundación Menela

O pasado 1 de febreiro, un grupo de profesionais de Fundación Menela asistimos a proxección do documental “OTRAS VOCES” dirixida por Iván Ruiz Acero xunto con Silvia Cortés Xarrié. Nun marco incomparable como é a hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, achegámonos ao autismo a partir do testemuño de Albert, un mozo de 21 anos diagnosticado de Síndrome de Asperger.

As súas reflexións dentro dun labirinto, as conversacións que mantén cun amigo do seu pobo e a viaxe a Bruxelas coa súa familia para visitar por primeira vez o Museo Tintín (unha das súas grandes paixóns) achégannos á súa particular maneira de vivir e de entender o mundo. Un mundo hostil descrito desde a experiencia, emotiva e á vez chea de optimismo, de pais e nais de nenos diagnosticados de autismo. Un mundo estraño abordado polos psicanalistas desde a subxectividade, a singularidade e o respecto. Unha mirada diferente sobre o autismo que nos achega a outra maneira de estar no mundo e sobrevivir nel.

A mañá seguinte tivemos a oportunidade de recibir a Iván Ruíz e ao psicoanalista Arseni Maximov nas aulas do Colexio Menela e no centro de adultos Castro Navás, un amable encontro no que puidemos reflexionar sobre o autismo e a evolución das miradas dos profesionais e institucións. Cunha invitación aberta a vernos todos no Foro Internacional que leva por título “Despois da infancia. Autismo e Política” e que terá lugar en Barcelona o 7 de abril, despedimos.

Fundación Menela | 2 de febreiro de 2018

 

 

Compartir Pechar

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.