Actualidade

Fundación Menela participa na xuntanza de traballo coa Consellería de Educación para afondar en accións específicas encamiñadas á inclusión educativa do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e representantes de 24 entidades e asociacións de atención á diversidade en Galicia mantiveron unha xuntanza de traballo para afondar en accións específicas encamiñadas á inclusión educativa do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE).

O conselleiro Román Rodríguez explicou que, no marco de negociación en marcha a nivel estatal para acadar un Pacto social e político pola Educación, se está traballando na introdución de itinerarios ou currículos flexibles para os alumnos con maiores necesidades educativas ou con situacións sociofamiliares complexas, co obxectivo de favorecer a súa permanencia e progresión no sistema.

Así mesmo Román Rodríguez subliñou que o seguinte paso é blindar a certificación de competencias e saberes destes alumnos. É dicir, que exista un procedemento regrado que lle confira valor á formación que reciben os alumnos con NEE, que en moitas ocasións non está fundamentada nos seus correspondentes currículos.

Segundo os últimos datos oficiais, Galicia é a comunidade autónoma cun ensino máis inclusivo, con máis do 91% do alumnado con NEE integrado en réxime ordinario, e atendido por máis de 4.000 profesionais. Con todo, o conselleiro recalcou que o obxectivo compartido é que ningún alumno abandone os centros educativos antes dos 18 anos; e que, a maiores, os titulados na formación básica obrigatoria se acheguen ao 100%.

A reunión serviu para analizar e poñer en común o traballo desenvolvido no último medio ano a favor da atención á diversidade e a inclusión no sistema educativo galego co fin de ofrecer unha resposta o máis axeitada posible ás demandas deste alumnado. Cómpre lembrar que Galicia conta cun Decreto de Atención á Diversidade que incorporou diferentes protocolos especializados (TDAH, autismo, atención temperá, atención educativa domiciliaria,...).

Agradecemento

O conselleiro aproveitou a xuntanza para recoñecer o magnífico labor que este tipo de entidades realizan cada día en prol da integración e da igualdade, e para agradecer a súa colaboración e contribución na construción do sistema educativo do futuro.

Así mesmo comprometeuse a continuar incrementando, desde o seu departamento, os apoios necesarios para atender á diversidade do alumnado. A día de hoxe, no sistema educativo galego hai uns 800 orientadores (ademais de 4 equipos de orientación específica no ámbito provincial, que aglutinan 28 profesionais especialistas nos distintos trastornos de conduta); máis de 2.100 especialistas en Pedagoxía Terapéutica e/ou Audición e Linguaxe; uns 250 profesores de apoio e 640 coidadores.

Fundación Menela | 17 de abril de 2017

Compartir Pechar

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.