Actualidade

Prevención do envellecemento prematuro en persoas adultas con TEA Fundación Bancaria “la Caixa”

O valor dunha esperanza de vida saudable para todas as persoas que envellecen cobra cada vez máis relevancia, dándose importancia non só ao número de anos que se vive senón tamén á calidade de vida coa que as persoas afrontan as idades máis avanzadas. En relación con esta filosofía xorde o concepto de envellecemento activo, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas que envellecen (Nacións Unidas, 2002) e deixar de lado a visión do envellecemento como un período de vulnerabilidade, deterioración e desconexión (OMS, 2015). Para conseguir estes obxectivos, é importante ter en conta que o envellecemento é unha parte da vida que normalmente vén asociada a cambios que requiren unha serie de adaptacións específicas para que as persoas continúen gozando desa calidade de vida. 

No caso das persoas adultas con Trastorno do Espectro do Autismo, existe evidencia de maiores dificultades en saúde física e mental, unha esperanza de vida máis baixa, cambios no perfil cognitivo e no seu funcionamento na vida diaria, co impacto que todo iso ten na súa calidade de vida. É necesario ampliar o noso coñecemento sobre as experiencias e os aspectos da vida realmente relevantes para esta poboación para poder proporcionar uns servizos adecuados ás súas necesidades así como desenvolver ferramentas específicas que determinen o cumprimento deses obxectivos.

“Prevención do envellecemento prematuro en persoas adultas con TEA” permitiu achegarnos a este coñemento e impulsar o desenvolvemento de boas prácticas e sistemas de apoio para promover o envellecemento activo de 23 persoas con TEA e discapacidade intelectual asociada, maiores de 40 anos, todas elas usuarias do Centro Castro Navás, do que é titular Fundación Menela. Ao mesmo tempo nos permitiu traballar os desafíos que nos impuxo a pandemia por mor da COVID-19, contribuiendo a mellora da súa Calidade de Vida.

“Prevención do envellecemento prematuro en persoas adultas con TEA” contou para o seu desenvolvemento có apoio da Fundación Bancaria “la Caixa” a través da Convocatoria de Promoción da autonomía persoal e atención ao envellecemento, á discapacidade e á enfermidade 2020.

 

Fundación Menela | 9 de febreiro de 2021

 

Compartir Pechar

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.