Actualidade

Finaliza Impulsa Tu Talento

Refuerzo de la Empleabilidad para personas con TEA

POEJ 'Uno a Uno' - Ano 2020

 

Fundación Menela, entidade especializada en Autismo que ofrece servizos e apoios ao longo do ciclo vital da persoa, desenvolveu, por terceiro ano consecutivo, o programa formativo “Auxiliar de Cociña e Hostalaría” no Centro Castro Navás, có obxectivo de reforzar a empregabilidade de persoas adultas con Trastorno do Espectro do Autismo.

Antía, Daniel, Gabriel, Alex e Aneta foron as cinco mozas e mozos que participaron e superaron con éxito o programa formativo, o cal impactou positivamente no desenvolvemento das competencias persoais e coñecementos específicos para o desempeño dunha actividade profesional como é a de auxiliar de cociña e hostalaría, que goza de importantes posibilidades de creación de emprego na área de influencia.

A acción formativa seguiu unha metodoloxía de traballo baseada na formación personalizada e individualizada de cada participante, proporcionando os apoios  precisos en función de cada perfil profesional e necesidades. A formación tivo unha duración de 344 horas, 203 teóricas e 141 no posto de traballo, nas que se traballaron habilidades para a autonomía persoal, sociais e comunicativas, habilidades laborais e específicas como son a seguridade e hixiene na manipulación de alimentos, prevención de riscos laborais, operacións de posta a punto do servizo de comedor e elaboracións culinarias básicas, contando coa empresa AUSOLÁN RCN SLU para levar a cabo a formación no posto de traballo.

Contar cun proxecto como este preséntase moi necesario xa que, a día de hoxe, dentro do ámbito da discapacidade, o colectivo de persoas con TEA sitúase á cola da inclusión laboral. Segundo cifras europeas (Autismo Europa, 2014), entre o 76% e 90% de persoas adultas con TEA está desempregada e non desenvolve ningunha actividade produtiva ou laboral.

Fundación Menela amósase moi satisfeita có programa xa que este modelo de formación para o emprego constitúe un exemplo de boas prácticas e supón una experiencia de éxito baseada nos resultados acadados.

Por ende, o proxecto responde ao esforzo da Fundación para incrementar os recursos destinados a facilitar ás persoas con TEA o acceso a unha educación permanente ao longo do ciclo vital e a unha variedade de experiencias formativas e laborais, que lles permitan afrontar a vida adulta con maior autonomía e independencia, contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida de acordo coa misión da fundación. Ao mesmo tempo, sen dúbida, contribúe a sensibilizar a sociedade e ao tecido empresarial sobre as súas competencias e a produtiva contribución que poden realizar nos distintos sectores de actividade, erradicando prexuízos e mitos en torno ao autismo.

Esta iniciativa estivo subvencionada a través da Convocatoria de Axudas económicas para o Reforzo da Empregabilidade de Persoas novas "Uno a Uno" – POEJ – Ano 2020 da Fundación ONCE, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil 2014-2020 cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

 

 

 

Nigrán, 14 de decembro de 2020 Ι Fundación Menela

 

 

Compartir Pechar

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.