Actualidade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visita o Centro de Día e Residencial Castro Navás da Fundación Menela

Nigrán, 2 de setembro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a secretaria xeral de emprego Covadonga Toca, visitaron hoxe as instalacións do Centro de Día e Residencial Castro Navás, para coñecer de primeira man as iniciativas e experiencias formativas e laborais que desenvolve a Fundación Menela en materia de inclusión sociolaboral de persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), así como a experiencia vivida polos traballadores e traballadoras que participaron na edición 2018/2019 dos Programas de Cooperación.

Un encontro de traballo que pon en valor o apoio e a colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria coas entidades sociais, a través da implementación de medidas dirixidas a fomentar a creación de emprego de calidade e incrementar a empregabilidade de persoas desempregadas. Medidas, como son os Programas de Cooperación, Axente de Emprego e Desenvolvemento Local, e o Programa Operativo de Emprego Xuvenil, que ofrecen unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral e capacitación técnica, neste caso específica e especializada na atención a persoas adultas con TEA, facilitando a súa inserción nun sector xerador de emprego, como é o dos servizos sociais, cada vez máis demandados pola sociedade e que precisan de experiencia para cubrir as necesidades maiores neste ámbito.

Un valor e un estímulo importante para Fundación Menela que ten participado nos Programas de Cooperación e Emprego Xuvenil ao longo de 12 anos. Un período no que o número de traballadores subvencionados foi de 63 (54 no marco do Programa de Cooperación e 9 no Programa de Emprego Xuvenil), recibindo un importe total da subvención de 890.600 euros. Cabe sinalar que, os datos referidos os resultados de inserción realizada, constatan como contratos de traballo firmados cos participantes 35, equivalentes a 3 contratos de media por ano, o que supón un 66% de contratación.

A diversidade de perfís profesionais supuxo un estímulo á vida de Castro Navás ao dispor dunha rede de apoios centrada na persoa e na súa contorna, facilitando a diversificación de actividades e os apoios para a capacitación da persoa con Autismo nos diferentes obradoiros terapéuticos, promoción de hábitos de vida saudables, actividades artísticas e de proxección social na comunidade, así como actividades de mantemento no centro. Aspectos claves que concluíron cunha valoración positiva da experiencia que contribuíu a mellorar a calidade de vida das persoas con TEA e avanzar na construción dunha sociedade máis inclusiva e diversa.

Fundación Menela | 2 de setembro de 2019

 

Compartir Pechar

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.