Actualidade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Fundación Menela, asinan un convenio de cooperación educativa para colaborar na atención do alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director xeral da Fundación Menela, Cipriano Luís Jiménez Casas, asinaron un convenio de cooperación educativa para colaborar na atención do alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), ou con calquera outra síndrome ou trastorno relacionado. Deste xeito afóndase na liña de actuación que está a desenvolver o departamento educativo da Xunta neste sentido, que ten o seu fito clave na publicación do Protocolo de tratamento educativo do alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo do sistema educativo galego, un documento elaborado conxuntamente coas asociacións e colectivos implicados nesta diversidade, dada a importancia do traballo en común para acadar o maior éxito escolar posible destes estudantes.

Ao abeiro deste convenio ambas partes promoverán a sensibilización e a difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado con TEA. Así mesmo, a Consellería impulsará a formación do profesorado nesta materia, de acordo coa fundación, cuxo persoal poderá tamén prestar apoio nos centros de ensino que conten con alumnado con estas necesidades especiais.

O apoio da Fundación Menela poderá artellarse tanto a través do asesoramento na atención educativa a estes estudantes, como na orientación sobre metodoloxías axeitadas á intervención educativa, ou da información e formación naqueles aspectos que o persoal dos centros docentes requira a este respecto.

Compartir Pechar

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.