Fundación Menela forma a catro mozos e mozas de Castro Navás para desenvolver a actividade laboral de operación básicas de pisos en aloxamentos 

 

 

Fundación Menela, entidade especializada en Autismo que ofrece servizos e apoios ao longo do ciclo vital da persoa, desenvolveu o programa formativo “Operacións básicas de pisos en aloxamento” no Centro Castro Navás, có obxectivo de reforzar a empregabilidade de catro persoas novas con Trastorno do Espectro do Autismo e Discapacidade Psicosocial.

CapacitaTEA naceu có obxectivo de mellorar os niveis de empregabilidade mediante o establecemento dun conxunto de accións dirixidas a explorar o talento, dotar e potenciar os coñecementos, capacidades e habilidades que permitan acceder e manexarse no mundo laboral. Para iso puxo o foco no desempeño dunha actividade que responde as demandas reais do mercado actual, como é o posto de operacións básicas de pisos en aloxamentos, creando un espazo formativo no Centro Castro Navás que permite organizar aprendizaxes funcionais e significativas, e traballar a dificultade de xeneralización das mesmas.

A acción formativa seguiu unha metodoloxía de traballo baseada na formación personalizada e individualizada de cada participante, proporcionando os apoios  precisos en función de cada perfil profesional e necesidades. A formación tivo unha duración de 340 horas distribuídas nunha fase de intervención grupal, con 255 horas por participante, e outra individual, con 85 horas, nas que se traballaron habilidades para a autonomía persoal, sociais e comunicativas, habilidades laborais e específicas e orientación vocacional.

CapacitaTEA responde ao esforzo da Fundación Menela para incrementar os recursos destinados a facilitar ás persoas con TEA o acceso a unha educación permanente ao longo do ciclo vital e a unha variedade de experiencias formativas e laborais, que lles permitan afrontar a vida adulta con maior autonomía e independencia, contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida de acordo coa misión da fundación. Ao mesmo tempo, sen dúbida, contribúe a sensibilizar a sociedade e ao tecido empresarial sobre as súas competencias e a produtiva contribución que poden realizar nos distintos sectores de actividade, erradicando prexuízos e mitos en torno ao autismo.

 

A iniciativa estivo subvencionada a través da Convocatoria de Axudas Económicas para o Reforzo da Empregabilidade de Persoas Novas con Discapacidade Psicosocial – POEJ – Ano 2020 da Fundación ONCE, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil 2014-2020 cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

 

 

Nigrán, 26 de febreiro de 2021 Ι Fundación Menela

 

 

 

 

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.