DESENSIBILIZACIÓN BUCODENTAL

Este mes remata o proxecto de sensibilización bucodental levado a cabo en Castro Navás coa axuda de 3.000€ concedida pola Fundación Once, dentro da convocatoria de axudas para proxectos dirixidos a persoas con discapacidade.

Debido á alta incidencia e prevalencia de patoloxías orais e a especificidade do TEA, Fundación Menela decidiu crear este proxecto, no que se tratou traballar a desensibilización odontolóxica coa finalidade de evitar situacións de rexeitamento a futuros tratamentos desta índole por parte das persoas con TEA.

O programa de desensibilización estivo baseado nunha familiarización progresiva coas clínicas dentais, cos profesionais sanitarios e cos procedementos odontolóxicos (pasos a seguir, material e instrumentos utilizados, etc.).

Para desenvolver o proxecto elaboráronse materiais psicoeducativos de apoio á intervención, como fotografías dos instrumentos utilizados, secuencias dos diferentes pasos das actividades, elaboración de pictogramas para a sinalización dos espazos, paneis de normas sociais para utilizar na consulta e na sala de espera, etc.

Na sesións ensináronse os pasos habituais dunha exploración dental de forma simulada, traballáronse os tempos de espera e secuencias dos procesos con pictogramas, visualizáronse vídeos, realizáronse actividades de xogo e de roles e finalmente as actividades de desensibilización xeneralizáronse ao contexto de servizos odontolóxicos reais.

As sesións leváronse a cabo na sala de enfermería do Centro de Castro Navás, polo persoal de  enfermería do centro e nas consultas establecidas do Centro de Saúde Val Miñor (Nigrán) e Unidade de Pacientes Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Como conclusión podemos dicir que a conducta dos pacientes con TEA vai mellorando utilizando en cada visita as técnicas de manexo de conducta e as ferramentas para o acondicionamento dos pacientes á consulta. As persoas con TEA son excelentes pensadores visuais, polo que tamén xoga un papel fundamental a utilización dos sistemas de comunicación alternativa e aumentativa a través de uso de pictogramas e presentación de imaxes en tablets para anticipar aos usuarios o que vai acontecer e preparalos para a consulta.

Fundación Menela Ι Vigo, 31 de agosto de 2018

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.