Actualidade

Xornada Saúde e Autismo

Fundación Menela, en colaboración coa Federación Autismo Galicia, organizou a Xornada Saúde e Autismo, unha posta en común das dificultades coas que se atopan as persoas con autismo para acceder ao sistema sanitario, e das estratexias de mellora da calidade da atención sociosanitaria que desenvolve a Administración para adaptar a prestación de servizos aos requerimentos e expectativas de colectivos con necesidades especiais, como son as persoas con TEA e as súas familias, có obxectivo último de facer do dereito a gozar do mais alto nivel posible de saúde unha realidade.

A xornada foi inaugurada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen deu paso a mesa redonda ‘Rompamos xuntos barreiras polo autismo. De cara a unha accesibilidade universal nos servizos sanitarios’. Nela os expertos Raúl Crespo e Silvia Eiroa puxeron o acento no dereito a saúde oral, acercándonos ao proxecto de facilitación do acceso das persoas con TEA a consulta de odontoloxía. Pola súa banda Teresa García e Cristina Couto, de Autismo Galicia centraron a súa ponencia nos ‘Sistemas Sanitarios equitativos, efectivos e con máis valor’, defendendo que a saúde como principio esencial require dunha atención integral ao longo do ciclo vital que se ha de presentar con garantías de efectividade, equidade e eficiencia. Por último, as psicólogas Pilar Pardo e Antía Fernández centraron a ponencia ‘A saúde como reto na calidade de vida das peroas con TEA’ nas necesidades que presentan as persoas con autismo no acceso ao sistema sanitario e boas prácticas que rompen barreiras. Esta mesa redonda foi moderada por Teresa García, responsable da Área de Saúde de Autismo Galicia.


A segunda da mesa redonda levou por título ‘Accesibilidade dos Servizos de Saúde para persoas con TEA’, reunindo a representantes dos tres grandes centros hospitalarios de Galicia: Delicias Muñoz do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Ángeles Fernández do CHUS de Santiago, e Catía Mª. Martínez do CHUAC de A Coruña, compartindo experiencias innovadoras que actúan como panca de impulso na mellora da calidade na atención sanitaria e do Servizo Galego de Saúde. Esta mesa foi moderada pola ex conselleira de Sanidade, Pilar Farjas.

O terceiro momento clave da xornada foi a presentación do número 21 da revista Maremagnum sobre o Trastorno do Espectro do Autismo, editada pola Federación Autismo Galicia. Durante a presentación, Cipriano L. Jiménez, director xeral da Fundación Menela e vicepresidente de Autismo Galicia recordou que neste número os autores e autoras achegaron, desde diferentes ópticas ligadas aos respectivos campos profesionais de actuación, respostas e visións arredor da proposta “Saúde e Autismo”, contando con artigos de personalidades como o presidente da Real Academia de Mediciña e Cirurxía de Galicia, José Carro Otero, dos creadores da recoñecido programa TEAyudamos ou do catedrático de Oftalmoloxía, Manuel Sánchez Salorio, entre outros. Na mesma contouse coa intervención de Patricia Blanco, directora xerente de Autismo Galicia, encargándose  da clausura da xornada o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

A Xornada Saúde e Autismo tivo lugar o xoves 5 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, na Sala de Conferencias da Sede Afundación de Vigo (Rúa Policarpo Sánz, nº 24 - 26) e contou co apoio de Afundación, Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, e o Concello de Vigo.

Agradecer a todos os profesionais que participaron na xornada as súas aportacións, e ao numeroso público a súa asistencia a xornada.

 

Organizan

Colaboran

 

 

Fundación Menela | 10 de outubro de 2017

 

Compartir Pechar

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.