Actualidade

TENDENDO PONTES
ou de como acercarse ás persoas con autismo

O Auditorio do Concello De Nigrán acolleu unha xornada organizada polo Grupo Oes Ves, colectivo do Centro de Saúde Val Miñor, coa colaboración do Concello de Nigrán e Fundación Menela, coa que tratamos de achegar a realidade do comportamento e forma de ser das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) a un grupo heteroxeneo de oíntes da Comunidade de Nigrán: familias, persoas que descoñecían o TEA, estudantes, profesionais da educación e da sanidade.

Durante a mesma houbo unha charla – coloquio a cargo de Berta Meijide e Ana Rodríguez, profesoras con máis de 30 anos de experiencia no Centro Educativo Menela, e proxectáronse tres curtametraxes: 'El viaje de María' de Miguel Gallardo, pai dunha nena con autismo, onde moitas das manifestacións de María, comportamentos, intereses e sensibilidades pódense extrapolar a outros casos con este Trastorno. A segunda, 'El cazo de Lorenzo' de Isabelle Carrier, un conto metafórico que explica dunha forma sinxela e directa por qué as persoas somos todas diferentes e, a partir do cal, expuxéronse os apoios físicos, verbais e visuais que necesita o alumnado con TEA. Por último, 'Por cuatro esquinitas de nada', montaxe audiovisual baseada no conto de Jérôme Ruillier, unha proposta moi orixinal, doce e convincente que mostrou como a sociedade e o que lle rodea ás persoas con dificultades, son as que teñen que cambiar para alcanzar unha verdadeira inclusión con dereitos como os demais, lembrando así o lema do 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade "Sen accesibilidade universal non hai dereitos humanos para as persoas con discapacidade".

Fundación Menela | 14 de decembro de 2017

 

 

Compartir Pechar

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso.