Actualidade

Protocolo para o alumnado con Trastorno do Espectro de Autismo

A Consellería de Cultura e Educación presenta o primeiro protocolo para o alumnado con Trastorno do Espectro de Autismo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou o que é o primeiro Protocolo para o Alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) do sistema educativo galego, un documento elaborado en colaboración coas asociacións e colectivos implicados nesta diversidade, dada a importancia do traballo conxunto para acadar o maior éxito escolar posible destes estudantes.

No marco da presentación, o conselleiro explicou que o protocolo busca ser unha ferramenta de uso para profesionais do ensino e para as familias, que estableza o camiño que se debe seguir para unha actuación o máis temperá posible, percibindo os primeiros indicadores ou indicios de que algo non vai segundo o agardado; e que axude a orientar a intervención educativa que se debe realizar por todas as persoas que participan na educación do alumnado con TEA. Román Rodríguez fixo fincapé na necesidade da cooperación entre familia, Administración e outras institucións que promove o documento; e no deber social que se impón á hora de responder ás necesidades de cada alumnos, dado que “a diversidade somos todos e todas”.

Neste sentido lembrou que un dos compromisos máis importantes do departamento de Educación da Xunta é o da atención á diversidade, regulada mediante o decreto 229/2011, de 7 de decembro. “Unha normativa autonómica que nos fixo ser pioneiros no conxunto do estado”, lembrou, e que representou un salto cara adiante na atención educativa ao alumnado en contornos inclusivos.

Sobre este decreto articulouse un sistema baseado na igualdade de oportunidades, pensado para desenvolver as potencialidades e promover a autonomía de cada alumna e alumno, no que existen espazos para a colaboración das familias e do conxunto da sociedade; aspectos nos que afonda o protocolo presentado para o caso concreto do TEA.

O protocolo é resultado dun traballo multidisciplinario, que contou con participación de profesionais de ámbitos como a orientación educativa, os centros de educación especial e as entidades sen ánimo de lucro que traballan para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA e das súas familia. O obxectivo que se persigue con el é facilitar a detección do TEA e proporcionar a este alumnado unha atención educativa na que se implique o conxunto do centro e as familias en prol do maior e mellor desenvolvemento persoal e social do estudante.

O Protocolo articúlase en epígrafes, centrados no concepto do TEA (conforme co manual de trastornos mentais DSM-5), a diagnose do mesmo, o tratamento educativo do alumnado con este trastorno, e o proceso de seguimento e avaliación. Finalmente achégase un pequeno glosario de termos ou conceptos utilizados ao longo do documento, referencias bibliográficas e tres anexos con documentos que poden servir de axuda como indicadores do trastorno, con probas específicas de screening e cun esquema que sintetiza ou orienta o percorrido que cómpre seguir ante a sospeita dun caso de TEA.

En definitiva, o Protocolo para o tratamento educativo do alumnado con TEA busca ser unha ferramenta de uso para profesionais do ensino e para as familias, pretende establecer o camiño que se debe seguir desde a aparición dos primeiros indicios e procura, tamén, orientar a intervención educativa que se debe realizar por todas as persoas que participan na educación dese alumnado.

O Protocolo pódese descargar AQUÍ.

Compartir Pechar

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.