Actualidade

Programa de reforzo da empleabilidade de persoas con tea

Programa de reforzo da empleabilidade de persoas con tea

  

Fundación Menela formou 5 mozos e mozas con Trastorno do Espectro do Autismo como auxiliares de cociña e hostalaría grazas a 'Uno a Uno', iniciativa de mellora da empregabilidade da Fundación ONCE

  • Fundación Menela desenvolveu programa formativo de habilidades socio laborais no Centro de adultos Castro Navás (Priegue - Nigrán), para reforzar a empregabilidade de persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil
  • Cinco persoas con TEA e discapacidade intelectual asociada, de idades comprendidas entre os 19 e 28 anos, con necesidades de apoio extensas e xeneralizadas, e cunha alta motivación e interese para formarse e traballar como auxiliares de cociña e hostalaría, foron beneficiarias e superaron con éxito o programa formativo.
  • Esta iniciativa estivo subvencionada a través da convocatoria de axudas económicas a proxectos de reforzo da empregabilidade de persoas novas "Uno a Uno" da Fundación ONCE - Ano 2018, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil "Iniciativa de Emprego Xuvenil" cofinanciado polo Fondo Social Europeo 2014-2020.

Fundación Menela desenvolveu no Centro de adultos Castro Navás (Priegue-Nigrán), un programa formativo de habilidades sociolaborais para reforzar a empregabilidade de cinco persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e discapacidade intelectual asociada, de idades comprendidas entre os 20 e 28 anos, con necesidades de apoio extensas e xeneralizadas, e cunha alta motivación e interese para formarse e traballar como auxiliares de cociña e hostalaría.

Antía, María, Jose Ángel, Adrián e Alex, foron as cinco mozas e mozos que participaron e superaron con éxito o programa formativo, o cal impactou positivamente no desenvolvemento das competencias persoais e coñecementos para o desempeño dunha actividade profesional como é a de auxiliar de cociña e hostalaría, que goza de importantes posibilidades de creación de emprego.

A acción formativa seguiu unha metodoloxía de traballo baseada na formación personalizada e individualizada de cada participante, proporcionando os apoios precisos en función de cada perfil profesional e necesidades. A formación tivo unha duración de 260 horas, 160 teóricas e 100 no posto de traballo, nas que se traballaron habilidades para a autonomía persoal, sociais e comunicativas, habilidades laborais e específicas como son a seguridade e hixiene na manipulación de alimentos, prevención de riscos laborais, operacións de posta a punto do servizo de comedor e elaboracións culinarias básicas, contando coa empresa Alprinsa S.A.U, responsable do catering do centro, para levar a cabo a formación no posto de traballo.

Este proxecto responde ao esforzo de Fundación Menela para incrementar os recursos destinados a facilitar ás persoas con TEA o acceso a unha educación permanente ao longo do ciclo vital e a unha variedade de experiencias formativas e laborais, que lles permitan afrontar a vida adulta con maior autonomía e independencia, contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida de acordo coa misión da fundación. Ao mesmo tempo contribúe a sensibilizar a sociedade e ao tecido empresarial sobre as súas competencias e a produtiva contribución que poden realizar nos distintos sectores de actividade, erradicando prexuízos e mitos en torno ao autismo. Esta iniciativa estivo subvencionada a través da convocatoria de axudas económicas a proxectos de reforzo da empregabilidade de persoas novas "Uno a Uno" da Fundación ONCE - Ano 2018, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil "Iniciativa de Emprego Xuvenil" cofinanciado polo Fondo Social Europeo 2014-2020.

Fundación Menela | 14 de xuño de 2018

 

Compartir Pechar

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso.