Actualidade

O CSIC de Vigo participa no Centro Educativo Menela có obradorio

“Microbios ao teu redor”

O pasado mércores tivemos o pracer de recibir no Centro de Educación Especial Menela, situado no Camiño da Veiguiña en Alcabre, a catro científicos do Grupo de Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Mariños que compartiron o traballo que realizan no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) de Vigo.

Sonia Rodríguez, Marta Bernárdez, Alberto Galego e Teresa Branco presentáronnos a unidade didáctica “Microbios ao teu redor” onde expuxeron, cunha gran variedade de materiais, a importancia do aseo e a influencia dos microbios no corpo e nos alimentos que inxerimos a diario.

Con paciencia e rigor estes profesionais, que xa expuxeron o tema noutros colexios, atenderon individualmente e con gran entusiasmo a cada alumno, inculcando diferentes nocións como que “non todos os microbios son malos”!. e destacando que algúns destes “bichitos”, como eles dicen, os atopamos na lactosa que levan os iogures, como microbios bos. Iso gustoulles a moitos mozos xa que poden escoller sempre este alimento na sobremesa do menú escolar.

Trouxeron mostras de pegadas de persoas e de animais, observando nelas a diferenza de cantidade de microbios que podían adherirse ás nosas mans ou a esas patas. O alumnado atreveuse a facer con éxito experimentos coas súas pegadas dixitais, aínda a pesar de que tiñan que pegalas sobre un líquido viscoso, pois sabemos que no noso alumnado con autismo adoita haber certa resistencia con determinadas texturas. Igualmente viron como os microbios do fermento deixándoa en repouso, facía aumentar de tamaño dunha masa.

No Centro Menela sempre nos parece interesante dar oportunidades de coñecemento aos nosos alumnos con TEA (Trastorno do Espectro do Autismo), usando medios de tipo visual para favorecer aprendizaxes.

Agradecemos a proposta destes científicos, xa que resultou unha xornada moi interesante e curiosa.

 

20 de marzo de 2019
Fundación Menela

Compartir Pechar

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.