Actualidade

Fundación Menela presenta o Equipo Menela Xadrez e celebra o I Torneo Fundación Menela de Xadrez

 

 

Fundación Menela, coa colaboración de Xadrez Galego e o patrocinio de BDO, presenta o Equipo Menela Xadrez e celebra o I Torneo Fundación Menela de Xadrez. 
O Edificio CAMI da Fundación Menela acolleu, o pasado venres 28 de xuño, a xornada de presentación do Equipo Menela Xadrez, sección que pertence ao Clube Deportivo Menela, e o I Torneo Fundación Menela de Xadrez para xogadores e xogadoras de categoría infantil no que participou o Equipo Menela xunto a membros de Xadrez Galego.  

A xornada comezou con palabras de benvida e agradecemento a todos os colaboradores que fxeron posible a constitución do Equipo Menela Xadrez, así como a celebración do I Torneo. Durante a mesma contamos coa intervención do director xerente da Fundación Menela, Jose Manuel Varela, o director de Xadrez Galego, Roberto Páramos, o presidente do Clube Deportivo Menela, Pedro Martínez, e o socio da firma de servizos profesionais BDO, Jorge Montoya. A recentemente nomeada concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, pechou a rolda de intervencións. A ilusión por este novo proxecto, o valor da iniciativa para as persoas con Asperger e para a sociedade en xeral, e a importancia das políticas de responsabilidade social corporativa e de sumar sinerxias, centraron os discursos dos intervintes.

Arropados polos integrantes do Equipo Menela Xadrez, membros de Xadrez Galicia, profesionais e familias da Rede Menela, contamos co multicampeón de España e Gran Mestre de Xadrez David Lariño que, trala correspondente apertura da xornada, realizou, baixo unha gran expectación, unha exhibición simulatánea con sete integrantes do Equipo Menela. Neste día contamos tamén con outras figuras relevantes a xoven promesa do xadrez nacional e membro de Xadrez Galego, Xulio del Prado. 

A xornada continuou de tarde co I Torneo Fundación Menela de Xadrez, no que participou o Equipo Menela Xadrez e membros do Clube Vigués Xadrez Galego, e rematou coa entrega de trofeos e medallas a todos os participantes.

O xadrez chegou a Menela da man dun grupo de oito rapaces con diagnóstico de Síndrome de Asperger, de idades comprendidas entre os 7 e 15 anos, que acuden semanalmente ao Servizo de Atención Temperá e Apoio Integral. O interese por este deporte motivou á Fundación a incorporar o xadrez como unha actividade máis do servizo; un xogo de estratexia que ten o seu espazo no Edificio CAMI e que conta co profesor Javier Araújo, membro de Xadrez Galego, todos os venres en horario de 17.30 a 19h. Así nace o Equipo Menela Xadrez, coa pretensión de crear un equipo que poida gozar e compartir experiencias arredor deste deporte.

Fundación Menela aposta por este ilusionante proxecto que trae consigo importantes beneficios educativos e terapéuticos para as persoas con Síndrome de Asperger, como son a mellora da concentración, as funcións executivas, a toma de decisións e a resolución de problemas, entre outros. Pero o mais interesante do proxecto é crear un grupo de iguais no que se fomente a socialización, a amizade e a participación na comunidade.

O obxectivo nestes momentos o temos claro, continuar coa formación e seguir traballando para poder competir o ano que ven na liga de Xadrez Local e nos diferentes torneos escolares.

Colaboradores e organizadores:

Fundación Menela Ι Vigo, 28 de xuño de 2019.

Compartir Pechar

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.