Actualidade

“Rompamos xuntos barreiras polo autismo. Fagamos unha sociedade accesible”

Fundación Menela celebra o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

Acto institucional

Ver más fotos

Acto de rúa

Ver más fotos

Con motivo da celebración do 2 de abril, Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, Fundación Menela sumouse a campaña de concienciación “Rompamos xuntos barreiras polo autismo. Fagamos unha sociedade accesible”, promovida por Autismo Europa e Autismo España en 2017 e 2018.

Esta campaña traballou para visibilizar as barreiras ás que se enfrontan as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e as súas familias. Porque só desde a comprensión e o coñecemento poderemos conseguir unha mellor adaptación ás necesidades do colectivo, que lles permita a súa plena inclusión e participación en todos os ámbitos da sociedade, así como o exercicio efectivo dos seus dereitos.

Con motivo desta conmemoración, Fundación Menela organizou dous actos na cidade de Vigo:

 

Acto Institucional

Xoves, 5 de abril de 2018

Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei, 1)

Os alumnos e alumnas do Colexio Menela convertéronse nos verdadeiros protagonistas nun acto no que nos acercaron, en primeira persoa, ás barreiras ás que se enfrontan as persoas con autismo no seu día a día, e puxeron en valor o compromiso do Concello de Vigo para implantar medidas que melloran a accesibilidade cognitiva, e que fan que a nosa cidade, sexa tamén, una CIDADE para todas as persoas con diversidade funcional.

Contamos con representantes políticos e familias na lectura do Manifesto do DMCA elaborado polo movemento asociativo europeo. Nesta participaron a concelleira de Benestar Social, Isaura Abelairas, a concelleira dos Grupos Municipais Partido Popular e Marea de Vigo, Teresa Ejerique e Margarida López, o Xefe do Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal da Consellería de Política Social de Vigo, Jose Ignacio Martínez e, en representación das familias da Rede Menela, Mónica López.

Neste día, o alcalde do Concello de Vigo, Abel Caballero, deu a coñecer o Proxecto de Accesibilidade Cognitiva a través do cal se implantarán prácticas dirixidas a mellorar a accesibilidade en espazos administrativos e de xestión dos servizos públicos, sinalando con Sistemas Alternativos da Comunicación (Pictogramas), as dependencias e lugares mais salientables da casa do Concello para, de forma progresiva e sostible, ampliala a outras entidades e organismos da nosa contorna.

Unha Rumba e Muiñeira dos Fros, 30 de Febreiro de Fetén Fetén e Andar Conmigo de Julieta Venegas foron os temas elixidos e interpretados pola Orquestra Castro Navás neste día que, como xa é tradicional, finalizou cunha gran foto de familia.

Non esquecer ao noso colaboradores, Vitrasa e Aucoares Lar, empresas que colaboraron coa fundación acercando aos rapaces e profesionais ao Auditorio Municipal do Concello de Vigo.

 

Acción de Rúa

Sábado, 7 de abril de 2018

Escalinata Museo de Arte Contemporaneo, MARCO de Vigo (Rúa Príncipe, 54)

A rúa do Príncipe acolleu, na maña do sábado 7 de abril, unha acción de visibilización organizada por Fundación Menela, Autismo Vigo e TEAVI; un acto de rúa no que se sumaron sinerxias para dar a coñecer este trastorno á sociedade, e atraer a atención sobre as barreiras as que se enfrontan as persoas con autismo e que dificultan a plena inclusión na comunidade. Arropados por familias, traballadores e amigos, a concelleira de Benestar Social, Isaura Abeleiras, as presidentas das asociacións Autismo Vigo e TEAVI, Esperanza Dominguez e Encarna Fernández, e en representación das familias de Fundación Menela, Pepita Gómez, participaron na lectura do Manifesto do Día Mundial. O acto de rúa finalizou coa intervención do alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Outras actividades

O sábado 7 de abril, o director xeral de Fundación Menela, Cipriano L, Jiménez, participou no Foro Internacional sobre o Autismo, organizado pola Escuela Lacaniana de Psicanálise en Barcelona, e que leva por título “Despois da Infancia, Autismo e Política”

Campaña de Concienciación

Participamos de forma activa na campaña viral en Redes Sociais, compartindo fotos de familias, usuarios, prefesionais, etc. facendo o xesto de romper as barreiras polo autismo. Asemade, neste 2018, apoiamos a campaña de sensibilización "Rompamos xuntos barreiras polo autismo. Fagamos unha sociedade accesible” cun video realizado en 2017 por Fundación Menela para dar a coñecer as barreiras á hora de participar e comprender a contorna na que viven as persoas con TEA.

Iluminemos o Mundo de Azul

O Concello de Vigo, Concello de Nigrán e o Concello de Gondomar sumáronse a campaña internacional Light it Up Blue (#lLIUB), promovida por Autism Speaks, que consiste en iluminar de azul edificios e monumentos emblemáticos, tinguindo na noite do 1 ao 2 de abril o edificio das Fontes da Rúa Aragón, Concello de Nigrán e Concello de Gondomar, respectivamente.

 

Fundación Menela │10 de abril de 2018

Compartir Pechar

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso.