Actualidade

Entroido no centro menela

Os alumnos do Centro Menela comparten o entroido có Colexio Atlántida

Todo o alumnado do Centro de Educación Especial Menela, situado na rúa Veiguiña en Alcabre, uniuse ás comparsas que anualmente fan os mozos do Colexio Atlántida.

Foi unha mañá divertida chea de cores e boas caras. Mentres que uns nenos ían disfrazados de alimentos: peras, amorodos, mazás… outros, como os do Centro Menela, decantáronse por oficios diferentes: cociñeiros coas súas cociñas e utensilios, bombeiros en camións feitos no propio colexio, futbolistas con fantásticos balóns realizados con pasta de papel, mecánicos dotados de enormes ferramentas confeccionadas con papel reciclado, pintores de brocha con monos auténticos, e outros de grandes pintores como Velázquez có cadro de “As Meninas” incluído!

A xornada consistiu nun paseo de comparsas polo centro da vila, ata chegar á Pérgola de Bouzas onde se puxo música e os mozos e mozas de ambos colexios gozaron con bailes e cancións coñecidas. Dirixidos por un divertido e marchoso bailarín, o profesor de educación física do colexio Atlántida, que fixo que os mozos se animasen a seguirlle encantados.

Alumnos e profesores intercambiáronse alimentos típicos do entroido, orellas, rosquillas e filloas en todas as versións. E todo hai que dicilo, logo máis dun case non puido comer…

Esperamos ter máis encontros có colexio Atlántida e darlle a oportunidade aos nosos alumnos con Trastorno do Espectro do Autismo de coñecer novas contornas e colegas.

 

01 de marzo de 2019
Fundación Menela

Compartir Pechar

Usamos cookies propias e de terceiros. Pode aceptalas pinchando “Estou de Acordo” ou acceder á información adicional clicando “Máis información”.